Wednesday 15 de May de 2024

Trenor informa que a Comarca do Barbanza contará con dúas unidades de Atención Temperá co apoio da Xunta


Esta orde reserva para estes dous centros máis de 684.000 euros e terá carácter plurianual para darlle aos concellos máis facilidades para a súa posta en marcha

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor visitou a unidade de atención temperá do Concello de Noia, acompañado polo seu alcalde, Santiago Freire, para informar das axudas do Goberno galego para a creación destes servizos por parte das entidades locais. Con esta orde atendese a máis de 5.000 nenos de toda Galicia que presenten problemas de desenvolvemento.

O representante do Goberno galego informou que a comarca do Barbanza conta con dúas unidades en Pobra do Caramiñal, compartido con Ribeira e Boiro e en Noia, compartido con Lousame, Outes, Muros e Porto do Son. Estes centros teñen unha axuda que comprende a actividade dos anos 2022-2023-2024 de máis de 684.000 euros para garantir o seu funcionamento.

Trenor puxo en valor a importante aposta durante os últimos anos por estes servizos de atención. Neste sentido, concretou que no ano 2009 existían dúas unidades na nosa Comunidade que daban atención a 15 concellos galegos, mentres que na actualidade son xa máis de 40 os centros que dan servizo a máis de 200 municipios. “É dicir, cada vez máis familias contan con este servizo ao carón das súas casas, o que fomenta a igualdade de oportunidades con respecto ás familias que viven nas cidades” afirmou.

O representante do Goberno galego apuntou que “este recurso permite actuar ante posibles problemas no desenvolvemento de nenos de ata 6 anos de idade”. Como novidade, esta convocatoria —dotada con 12 millóns de euros— é de carácter plurianual, o que permitirá darlle aos concellos máis facilidades para a súa posta en marcha, ao garantir a seguridade financeira e reducir os trámites administrativos para solicitar as axudas.

O delegado recalcou que nestes centros ofrécese unha intervención biopsicosocial que favoreza a adquisición ou a recuperación de funcións e de habilidades persoais e sociais para a mellora da autonomía, da convivencia social e familiar e da inclusión social. Neste senso apuntou que para acceder a este servizo a familia deberá acudir ao servizo de pediatría do centro de saúde que lle corresponda e informará ao pediatra da sospeita de trastorno do desenvolvemento. Será este profesional quen fará o diagnóstico previo, en función do cal derivará á familia á unidade de atención temperá máis adecuada para o caso.